O Concello reformará a escola de música de Cerdedo para ampliar a súa capacidade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou este venres que acometerá unha reforma no local da escola de música de Cerdedo para contar con máis aulas e modernizar todo o inmoble, que acolle anualmente a decenas de rapaces para recibir as ensinanzas nesta materia.
En total, destinaranse a esta actuación algo máis de 17.000 euros, procedentes de baixas nas adxudicacións doutras obras. A intención é que se poida executar antes do inicio de curso.
O principal obxectivo deste proxecto pasa por reformar os espazos existentes e modificar a distribución para contar con seis aulas independentes, con dúas na planta baixa e as catro restantes no primeiro andar.
Ademais, vaise proceder á adecuación da carpintaría de aluminio na entrada e na fachada posterior da planta alta e vaise mudar a carpintaría interior de madeira, acometer axustes na iluminación e realizar un pintado integral do edificio.
Na actualidade, na planta baixa hai dúas aulas, pero están unidas e non se poden celebrar clases simultáneas, polo que gran parte do espazo está desperdiciado. Por elo, neste andar vaise instalar unha carpintaría cun illamento acústico especial que permitirá que haxa dúas aulas axeitadas. Ademais, vaise cambiar a porta de entrada.
Por outra banda, no primeiro andar hai dúas aulas e vanse instalar dúas divisións acústicas para duplicar o aproveitamento de espazos e dispoñer de catro estancias que ademais contarán con accesos independentes para que non haxa interrupcións durante as actividades.
Tamén se vai proceder a renovar a porta de entrada principal e substituiranse as fiestras do corredor.