Un novo PXOM é "urxente", segundo o PSOE, ante un modelo "parcheado e tuneado"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra debe substituír o seu actual plan urbanístico "coa máxima celeridade". Así o demandou a deputada socialista María Pierres, que sinalou que a aprobación dun novo PXOM é "urxente" ante os "claros sinais de esgotamento" que mostra un modelo urbano que foi "parcheado e tuneado" ata a extenuación.
Acompañada do portavoz do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, a deputada pontevedresa asegurou que a falta de adaptación do plan ás sucesivas leis do chan provoca "inseguridade xurídica" na cidade, problemas para a defensa do patrimonio, carencia de chan edificable no rural ou dificultades para o asentamento de industrias.
María Pierres entende que a crise económica "era o momento" de cambiar un plan "obsoleto" e, a pesar diso, "conscientemente" gardouse nun caixón. "Nada xustifica apostar por un modelo de improvisación fronte a unha planificación ordenada", sinalou.
Cada día que pasa sen que Pontevedra teña unha novo PXOM, asegurou Pierres, "son 4 ou 5 anos de atraso para a cidade", ao quedar "hipotecado" o crecemento do municipio.
Por iso, os socialistas reclaman ao Concello e á Xunta de Galicia que "suavicen" as súas respectivas posturas para desbloquear a aprobación do PXOM, xa que os cidadáns merecen, segundo María Pierres, "madurez política" por ambas as partes.
A deputada sinala que este documento permitiría "avanzar" nun modelo urbano "que compartimos" e que debe "dar resposta a todos" e non só aos que viven na cidade, tendo en conta as necesidades dos núcleos periurbanos e rurais.
CRÍTICAS Á XUNTA
Tino Fernández, pola súa banda, tamén dirixiu as súas críticas cara ao " desprezo e abandono" que sofre Pontevedra por parte da Xunta de Galicia, que aínda non finalizou obras que, segundo o portavoz socialista, deberían estar executadas hai sete anos.
Ademais, os socialistas lamentaron que a última promoción de vivenda pública na cidade fora impulsada en 2008 polo goberno bipartito na Xunta. Así, sinalan que na actualidade hai 737 persoas rexistradas como demandantes deste tipo de vivendas, a pesar de que en Pontevedra hai chan "suficiente" para construír novas promocións e satisfacer esta demanda.
Relacionadas:
-
O PSOE busca o consenso de todos os partidos para poñer en marcha medidas para abaratar os alugueres de vivendas
Por Natalia Puga |
-
Rafa Domínguez ve "prioritario" que Pontevedra teña un novo PXOM
Por Redacción |
-
O Concello ofreceu á Xunta ata cinco parcelas para construír vivendas sociais
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta agarda que o Concello ceda parcelas para vivendas de promoción pública
Por Oskar Viéitez |