As terrazas poderán abrir ata as dúas e media da madrugada no verán
Por Natalia Puga
Un acordo entre a Federación de asociacións de veciños Castelao, a Asociación de Hostaleiros de Pontevedra (Hoempo) e a asociación de comerciantes Centro Comercial Urbano Zona Monumental fará posible que durante todo o verán, e ata o domingo 2 de setembro, as terrazas da cidade esten abertas ata máis tarde.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, anunciou este venres que o acordo logrouse este luns 23 de xullo e suporá que as terrazas e veladores estean abertos de luns a xoves ata as 2.00 horas e de venres a domingo e nas vísperas de festivos ata as 2.30 horas.
A nova ordenanza municipal de veladores modificada o pasado mes de marzo xa ampliara o horario de apertura para todas as terrazas e veladores ata as 1.30 horas todos os días do ano. Na norma anterior, que databa de 1997, diferenciábase entre tres tipos de locais e a hora de peche estaba fixada para as 00.00, 00.30 e 1.00 horas, pero na actual os horarios xa estaban unificados.
Esta ampliación de horario responde a unha posibilidade xa recollida na ordenanza e fíxose a proposta da Federación Castelao e froito dunha negociación a catro bandas entre o Concello e as asociacións de veciños, comerciantes e hosteleiros. Todos eles compareceron este venres en rolda de prensa para explicar a situación.
Anabel Gulías agradeceu este novo consenso, que chega despois de que os tres colectivos citados colaboraran para que Pontevedra tivera unha ordenanza de veladores "regulada e participada" que, nos seus primeiros meses en vigor, "funciona moderadamente ben".
No tempo que leva en vigor a norma, a porcentaxe de cumprimento é "elevadísima", resultando especialmente satisfactoria no casco histórico, segundo destacou Anabel Gulías. Nesta parte da cidade o cumprimento é do 100%.
Ata o momento non se puxo ningunha sanción, aínda que si se constatou certa resistencia ao cumprimento nalgunhas zonas de parte nova da cidade, en especial no relativo aos toldos laterais. Despois de meses de control, a concelleira deu a coñecer que a partir de agora van seguir coas inspección e si que multarán aos hosteleiros que non cumpran a normativa.
O presidente de Hoempo, Víctor Pampín, agradece que lles dean a oportunidade de ampliar o horario, sobre todo nesta época, na que "se pode sacar máis rendemento" aos negocios. O presidente de Zona Monumental, Miguel Lago, lembrou que para chegar a este consenso "hubo que ceder por todas partes" e amosouse partidario de manter ese horario ampliado máis alá do 2 de setembro, toda vez que o cambio climático está deixando veráns máis longos nas Rías Baixas. O presidente de Castelao, Manuel Loureiro, agradeceu o grao de cumprimento.
Relacionadas:
-
Hoempo busca fórmulas para atraer máis turismo a Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Os bares poderán pechar as súas terrazas máis tarde durante o verán
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recadará case 205.000 euros polas terrazas da hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
A praza da Estrela, regulada cun límite máximo de 30 veladores
Por Redacción |
-
O Concello ordenará "de oficio" as terrazas da Praza da Estrela
Por Alejandro Espiño |
-
Satisfacción no Concello polo "alto grao" de cumprimento da normativa de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
A ordenanza de terrazas supera o trámite de exposición pública sen alegacións
Por Alejandro Espiño |