Cidadáns reclama unha revisión exhaustiva dos parques infantís
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, presentou unha moción para reclamar ao goberno municipal unha revisión exhaustiva dos parques infantís do municipio e para a reparación e substitución daqueles elementos de xogo que presentan deficiencias e poden supoñer un risco para os seus usuarios.
A proposta de Cidadáns pasa por un plan de mantemento "programado e continuado" para que estas instalacións estean en óptimas condicións e completamente adaptados no seu acceso a nenos e persoas con discapacidade.
Rey lembra que na zona centro do municipio, a gran afluencia e uso das instalacións actuais supón un desgaste que "non se ve compensado cun mantemento adecuado".
A concelleira advirte do risco de accidente, algo "polo que recibimos numerosas queixas por parte de pais".
"Empezamos solicitando este mantemento dos parques do centro e faremos o mesmo cos do rural", engade Rey.
"O BNG sempre presume de que esta é a cidade dos nenos, pero non se trata só de convidar a Francesco Tonucci para dicilo cada ano, senón de prestar atención ás zonas de xogo de que dispoñen os nosos pequenos. Os descoidos non son asumibles, teñen que ser atallados de raíz cando se trata de nenos", conclúe a edil de Cidadáns.