En Marea pregunta ao Goberno cando fará efectiva a retirada do escudo franquista da Audiencia
Por Redacción
O asunto do escudo franquista da Audiencia de Pontevedra chegará ao Congreso dos Deputados. Farao a través de Alexandra Fernández, deputada de En Marea, que preguntará ao Goberno sobre a súa disposición a retirar a imaxe.
A deputada rexistrou a pregunta despois de que o pleno do Concello de Pontevedra aprobase, por unanimidade, solicitar a súa retirada en cumprimento da lei de memoria histórica.
Pasadas catro décadas do fin da ditadura e con corenta anos de vida en democracia, en Pontevedra persiste un escudo que, segundo a moción aprobada pola corporación, se debe considerar como toda unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.
Ademais, a súa presenza contravén a lei de memoria histórica en vigor desde 2006, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.
Por iso, Alexandra Fernández pregunta nas Cortes Xerais se o goberno do Estado ten pensado garantir o cumprimento da lei e, en caso afirmativo, cando se fará efectiva a retirada do escudo.
Nun momento no que o actual Goberno anunciou a retirada dos restos de Franco do Val dos Caídos e mesmo avanzou unha posible modificación da lei da memoria histórica sería importante, di Fernández, que tomase nota de todo aqueles aspectos que non se están cumprindo da normativa.
"Aínda queda por todo o estado e en Galicia, simboloxía franquista que non debería pervivir nun período democrático. É hora de alcanzar a normalidade democrática", sinalou a deputada.
Relacionadas:
-
O BNG insiste no Congreso para retirar a simboloxía franquista da Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
O Goberno confirma que non hai procesos administrativos abertos contra o escudo franquista da Audiencia
Por Redacción |
-
Unanimidade política para que "o lugar onde se imparte Xustiza" non teña un escudo franquista
Por Natalia Puga |
-
Marea esixe a retirada do escudo franquista da porta da Audiencia de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |