A Xunta reparará despois do verán a ponte da Illa de Arousa tras detectarse problemas cunha xunta de dilatación
Por Redacción
A Xunta de Galicia reparará ou substituirá unha das xuntas de dilatación da ponte da Illa de Arousa que deu problemas durante o día festivo deste 25 de xullo, mesmo provocando retencións e accidentes entre os condutores que usaban a vía. Iso si, a actuación terá que esperar ata despois do verán, para evitar así a afección ao tráfico.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, visitaron este xoves esta ponte que une esta localidade con Vilanova de Arousa, de cara a comprobar os problemas xurdidos este mércores cunha xunta de dilatación.
A peza metálica de revestimento desa xunta que se desprendeu este mércores xa foi retirada e os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas comprobaron este xoves que a seguridade na circulación está plenamente garantida.
Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, a xunta de dilatación que se atopa máis próxima á zona da Illa de Arousa está "deteriorada" polo paso do tempo. Trátase dunha xunta "especial" dada a particularidade desta ponte da Illa, pois ten 50 centímetros de movemento, cando o normal adoita ser 5. Hai dúas xuntas destas características, unha a cada lado da ponte.
O próximo luns, unha empresa especializada comprobará a situación da xunta de dilatación de cara a decidir se se leva a cabo a súa substitución ou reparación. Unha vez pasado o período estival, no que a circulación de vehículos pola ponte se incrementa notablemente, analizarase a actuación máis axeitada.