Envían a prisión o home detido por tentar matar a coiteladas á súa muller en Marín
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Marín decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido na madrugada do martes por presuntamente tentar matar á súa muller con múltiples coiteladas nun piso de Marín.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), foi enviado ao centro penal da Lama investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa con agravante de parentesco pola agresión á súa muller, pero tamén se lle atribúe un delito de violencia no ámbito doméstico polas lesións que presuntamente lle causou á súa filla.
O home, Francisco P.F, de 42 anos, foi detido sobre as 1.30 horas da madrugada do luns ao martes despois de que os veciños alertasen de que se estaba producindo un incidente violento no interior do domicilio no que estaba a parella.
Á chegada dos axentes da Policía Nacional de Marín, a muller presentaba múltiples feridas de arma branca por todo o corpo e o home estaba na mesma vivenda, de modo que ela foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo e el en coche patrulla á Comisaría Provincial, detido como presunto autor dun homicidio en grao de tentativa.
Tras o seu arresto, pasou dous días nos calabozos da Comisaría Provincial de Pontevedra, ata que na mañá deste xoves foi posto a disposicion do Xulgado de Instrución número 1 de Marín. Tras pasar polo menos catro horas no edificio xudicial, decretouse o seu ingreso en prisión.
A muller foi operada de urxencia na mañá do martes no Hospital Montecelo e posteriormente trasladada a un centro hospitalario de Santiago de Compostela, onde se esperaba unha nova intervención cirúrxica porque unha das feridas de arma branca recibidas complicouse.
A parella reside habitualmente na localidade madrileña de Torrexón de Ardoz, pero estaba a pasar uns días de vacacións nunha vivenda do Camiño de Cividanes, na parroquia de Mogor, propiedade da familia da vítima. Acompañábanos as súas dúas fillas menores, de 6 e 14 anos, que, tras a agresión, quedaron baixo custodia da avoa materna. Unha das fillas presuntamente tamén foi agredida por el.
A muller, de 40 anos, acababa de comunicar ao seu marido a súa intención de separarse despois do verán e el presuntamente colleu un coitelo e cravoullo varias veces en distintas partes do corpo. A violenta agresión produciuse entre berros e ruídos que chamaron a atención dos veciños da contorna, que alertaron á Policía Nacional.
Relacionadas:
-
Detido un home en Marín por acoitelar á súa muller por todo o corpo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada