Carmela Silva esixe á Xunta solucións aos atascos cara as praias
Por Oskar Viéitez
"Menos chorar por Galicia e máis facer pola provincia de Pontevedra". Esa é a mensaxe que trasladou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por mor dos "insufribles" atascos de tráfico que rexistran algunhas estradas da provincia, especialmente a autovía do Morrazo e a vía rápida de acceso ao Grove.
Carmela Silva considera que "é inexplicable que teñamos investidos tantos recursos no corredor do Morrazo e que sigamos tendo as mesmas retencións que tiñamos antes".
Esta fin de semana foron miles os coches quedaron atrapados nesta autovía, polo que a presidenta pediu explicacións xa que entende que "algo non se debe estar a facer ben" e urxiu a que os responsables da Xunta "póñanse a iso".
A presidenta da Deputación destacou que "nós estamos a traballar moitísimo para que cada día haxa máis visitantes que veñan á provincia" sinalando que estas retencións son "insoportables" e "enfadan moitísimo á nosa xente" e tamén aos turistas "que se van cunha imaxe que non é a que queremos trasladar de excelencia".
"Non podemos falar de excelencia na prestación de todos os servizos se as nosas infraestruturas non son as que ten que ter unha provincia no século XXI", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva lembrou que o presidente da Xunta de Galicia "veu con bombo e prato a inaugurar unha obra que non estaba rematada, pois agora que de explicacións".
No caso da vía rápida do Salnés, Carmela Silva esixiu que se acometa o proxecto de desdobramento desta estrada. Un proxecto que en 2012 chegouse a expoñer ao público pero que se paralizou despois da publicación dun informe emitido en 2015 pola Dirección Xeral de Conservación dá Natureza que advertía de que o deseño do viario afectaba ao Rego dos Mouros que desemboca no complexo intermareal Umia-O Grove, un espazo integrado na Rede Natura.
"Que non veñan con chistes de que hai problemas de carácter ambiental", declarou Carmela Silva no convencemento de que "no século XXI a humanidade ten coñecementos máis que sobrados para tomar decisións que permitan construír infraestruturas respectando o medio ambiente".
A mandataria pontevedresa tamén criticou que a Xunta "sen consultar con ninguén" instalase un semáforo en As Salinas para que os peóns crucen a PO-308, o que agravou o problema dos atascos montando "un caos tremendo" no acceso ao Grove.
Por tanto, "menos bromas e que se tomen xa decisións inmediatas", dixo. Finalmente, Carmela Silva dirixiuse ao presidente do executivo galego para recomendarlle que "menos esixir a un goberno que non leva nin cen días gobernando todo o que non fixo Rajoy e máis tomar decisións aquí para Galicia".
"Menos chorar por Galicia e máis facer pola provincia de Pontevedra", díxolle a Feijóo "con choros e bágoas non se arranxa nada" e engadiu "arránxase con decisións, recursos e proxectos, así que se poña a iso xa, de forma inmediata".
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez reta á Deputación a buscar unha solución "viable" para desdobrar a vía rápida do Salnés
Por Alejandro Espiño |
-
O Día do Apóstolo: fogos de lucería, néboa e atascos quilométricos por todas as partes
Por Oskar Viéitez |
-
A "fame de praia" provoca retencións quilométricas
Por Redacción |
-
Modifican o semáforo das Salinas para evitar atascos nas saídas da Lanzada
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación define a situación de Rande como un "coñazo"
Por Anxo Lourido |