Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño
As obras previstas polo Concello de Pontevedra vinculadas a fondos europeos a través da Estratexia DUSI poderán adxudicarse "en cuestión de días".
Así o confirmou este xoves a concelleira Carme da Silva, tras recibir autorización do Estado para, a través de crédito, adiantar parte dos fondos previstos e así desbloquear unha situación que preocupaba e moito, a tratarse de proxectos para o período 2014-2020 e que de non sacarse adiante supoñería perder un importante financiamento.
"É unha moi boa noticia porque levábamos moito tempo esperando que Madrid nos autorizase", explicou a edil.
Mentres iso non sucedía, o goberno local adiantou ao máximo a tramitación necesaria para agora proceder coas adxudicacións coa maior brevidade posible.
En concreto o Concello prevé adxudicar de maneira inminente obras por valor de 6,5 millóns euros dos ao redor de 12,5 millóns incluídos na Estratexia DUSI, cuxa financiamento corre a cargo ao 80% de fondos europeos e ao 20% restante das arcas municipais.
Entre os poyectos de maior envergadura que se verán desbloqueados atópanse a reforma da rúa Gorgullón, a peonalización da ponte do Burgo, o pavillón Multiusos da Xunqueira ou a adecuación da planta superior do Mercado de Abastos.