Lúa de sangue desde o Paseo de Silgar
Por Oskar Viéitez
Esta semana comezan as actividades no Concello de Sanxenxo do programa Todocosmos. É un programa de divulgación astronómica ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, que ten por obxectivo achegar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todas as idades: cursos, talleres, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa está constituído polo proxecto "A Astronomía ao alcance de todos" que co acrónimo Todocosmos conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a colaboración do Concello de Sanxenxo.
Todocosmos comeza no municipio cunha observación astronómica o venres 27 de xullo no paseo de Silgar, cunha eclipse lunar. A lúa tinguirase de vermello, un fenómeno coñecido como lúa de sangue que durará preto de catro horas: será a eclipse lunar máis longo de todo o século XXI e non fará falta utilizar protección para velo.
O 17 de agosto, de 22.30 a 23.30 horas, observarase a lúa crecente xunto aos planetas Xúpiter e Saturno. A seguinte actividade será o 29 de agosto, de 22.00 a 23.00 horas. Nela observarase Xúpiter, Saturno e a estrela dobre. Finamente, a última actividade estará repartida entre o día 20, 21 e 22 de agosto, de 11.00 a 13.00 horas. Será no Pazo Emilia Pardo Bazán e incluirá a observación nocturna.
Desde a Concellería de Medio Ambiente quérese animar a todas as persoas que esa noite estean por Sanxenxo a que aproveiten a oportunidade de achegarse a realizar esta observación.