A parroquia de Santa Xusta terá un novo centro social
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de acadar un importante investimento en materia social e veciñal tras a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para financiar a rehabilitación integral dun inmoble no lugar de Alende, na parroquia de Santa Xusta, que se adicará a centro social con especial atención no desenvolvemento de actividades para a terceira idade.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, asinou este martes este acordo, que contempla que a Consellería de Política Social aportará ata un máximo de 200.000 euros en dúas anualidades, as correspondentes co presente exercicio e 2019, para a rehabilitación deste edificio e a posta en marcha deste servizo. "Foi unha boa xestión, xa que a cantidade que nos dará a Xunta debe ser máis que suficiente para arranxar o inmoble", explicou a rexedora.
O Concello comezará agora a tramitación administrativa para a contratación das obras e agarda que o edificio estea completamente restaurado no vindeiro ano. Nese momento, decidirase o sistema de xestión, que será de competencia municipal.
En principio, o centro social de Alende destinarase ao desenvolvemento de actividades veciñais e programas que melloren a calidade de vida das persoas maiores do municipio e para elo realizaranse eventos de envellecemento activo, iniciativas interxeracionais nas que se faga partícipe á mocidade, accións de promoción da autonomía persoal ou actividades de prevención da dependencia, entre outras.
A rexedora morañesa agradeceu á Xunta o seu apoio para acometer este importante investimento e destacou o "enorme esforzo e capacidade de xestión que estamos a realizar este ano en materia de servizos sociais, porque cremos que debemos mellorar a calidade de vida de todos os veciños e especialmente daqueles con máis necesidades, como os nosos maiores".
"Tras subir case un 30% a partida municipal de servizos sociais ata os 250.000 euros, agora vimos de conseguir 200.000 euros máis para este investimento, polo que creo que estamos a cumprir cos nosos obxectivos", concluiu a alcaldesa.