Cerdedo-Cotobade aplica a rebaixa de tres impostos e suprime un cuarto, o ICIO
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de abrir o calendario fiscal de pago dos impostos municipais e, de cara a este ano, destaca a aplicación de tres rebaixas en tributos, así como a supresión completa do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
Esta última é unha medida pioneira en Galicia, xa que moitos concellos optaron por importantes bonificacións pero nunca decidiran a súa eliminación.
Con motivo da apertura do período de pago dos distintos tributos e do paso ao cobro das correspondentes domiciliacións, o Concello emprendeu unha campaña informativa a todos os veciños para explicarlles a nova fiscalidade remitindo unha carta a todos os domicilios na que se detallan as novas cotas dos tributos coas súas respectivas rebaixas.
Así, e no marco dos impostos de abono periódico, sexa anual, semestral ou doutra índole, a apertura do calendario fiscal de pagos confirmou o descenso medio dun 10% no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e dun 9% na taxa de limpeza e recollida de lixo.
No caso da chamada "viñeta", os propietarios de vehículos de entre 8 e 11,99 cabalos fiscais abonarán 35,44 euros anuais, mentres que os donos de camións verán suavizado este imposto oscilando entre os 43,97 e os 154,23 euros anuais.
En canto á recollida de lixo, que queda fixada en 40 euros por exercicio para vivendas e contén rebaixas para negocios, bares, comercios, pequenos establecementos, turismo e empresas, as novas cotas xa foron comunicadas aos contribuíntes pero non se percibirán ata o vindeiro ano, que será cando se pase ao cobro a taxa de 2018.
Finalmente, os veciños xa levan percibindo durante todo o ano a exención de cota no imposto de obras e a redución media dun 10% na taxa de expedición de documentos e servizos municipais, xa que, ao tratarse de impostos vencellados a prestacións ou trámites "persoais", abónanse no momento en que se solicitan ou no prazo correspondente.
Relacionadas:
-
Moraña rebaixa nun 10% a taxa de limpeza e recollida de lixo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade eleva o seu orzamento ata os 5,11 millóns de euros para 2018
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade rebaixa a taxa do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade reducirá un 10% o imposto de Vehículos
Por Redacción |