Desestiman a demanda de Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño
Por Redacción
O xulgado de primeira instancia e instrución número 2 de Vilagarcía desestimou a demanda interposta por Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño, á que o tribunal absolve de "todas as pretensións" do demandante.
O procedemento xudicial iniciouse por mor dunhas declaracións radiofónicas realizadas pola presidenta da Asociación e Fundación Érguete nas que manifestaba que Oubiña "tamén traficou con outro tipo de drogas", máis aló do haxix polo cal foi condenado.
"Á vista da locución, non estamos directamente ante unha expresión de carácter inxurioso, denigrante ou vexatorio por si mesma", argumenta o titular do xulgado arousán.
Os feitos sucederon tras a saída de Laureano Oubiña de prisión tras cumprir condena por delitos contra a saúde pública. O demandante defendía que danou o seu dereito á honra porque foi sentenciado por traficar con haxix ou cannabis, non con outro tipo de drogas.
O xuíz, con todo, considera que prevalece o dereito á liberdade de expresión de Carmen Avendaño sobre o dereito á honra de Oubiña.
"O manifestado non alcanza a suficiente relevancia nin reviste da entidade necesaria para que a liberdade de expresión deba ceder en favor do dereito á honra", sinala o xuíz na sentenza, na que destaca que o demandante ostenta a condición de "persoa pública", o que implica "unha restrición do seu dereito á honra".
Ademais, apunta que a "expresión combatida" deriva duns feitos "de gran relevancia pública".
Relacionadas:
-
"A súa honra póñena en perigo os seus propios actos", a resposta de 'Fariña' á demanda de Oubiña por "ridiculizalo"
Por Natalia Puga |
-
Laureano Oubiña asegura ao xuíz que Carmen Avendaño vulnerou a súa honra
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña, detido e posto en liberdade pouco despois en Vilagarcía
Por Natalia Puga | Creada e actualizada