Os sindicatos critican as "nefastas políticas laborais" de Suárez Costa na Autoridade Portuaria
Por Oskar Viéitez
As seccións sindicais da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra (CXT, CCOO, UXT, CIG e SPPLB) denuncian as "nefastas políticas laborais" levadas a cabo polo seu presidente José Benito Suárez Costa. Tamén recalcan a deficiente xestión por parte do director do porto Miguel Ángel Navarro.
Por iso os sindicatos, nun comunicado conxunto, sinalan que existen cada vez máis externalizacións e privatizacións nos servizos da rada marinense. Outra queixa é que o emprego público convócano exclusivamente de maneira externa, anulando o dereito ao desenvolvemento á carreira profesional para o persoal laboral acollido a convenio.
Censuran ademais que existen promocións encubertas para o persoal directivo con subidas salariais duns 10.000 euros anuais.
As seccións sindicais informan que durante as quendas de noite, o persoal do servizo eléctrico é destinado, vestindo uniformidade policial, a realizar labores da Policía Portuaria, "véndose reducida a seguridade portuaria no contexto actual de nivel de alerta 4 de ameaza terrorista", apuntan. Ademais, o actual persoal da Policía Portuaria está formada por 15 axentes, dos cales o 50% é persoal temporal con menos de dous meses de experiencia.
Os sindicatos critican que o presidente e a directiva non facilitan datos solicitados e recolleitos na lei de transparencia. Afirman que "José Benito Suárez dispón dun vehículo oficial para o seu uso e goce particular, sendo cada vez menor a presenza laboral que este leva a cabo no porto debido aos seus outros compromisos políticos, totalmente alleos á actividade portuaria. A pesar diso séguese embolsando preto de 80.000 euros anuais".
Outros aspectos obxecto de queixa son que este organismo ten xornada partida, que a repartición do plus de especial desempeño faise en base a méritos "subxectivos, arbitrarios" e "dunha maneira totalmente opaca".
Os sindicatos recalcan que estas "inxustizas" rexístranse desde hai anos e que tanto o presidente como o director "néganse a negociar cos sindicatos e seguen mantendo un ton autoritario e afastado da realidade social, fomentando un mal ambiente laboral". Ante este clima, onde existe unha elevada taxa de baixas por enfermidade laboral, moitos traballadores solicitaron diferentes licenzas sen retribución e mesmo traslados a outros organismos próximos, como ao Porto de Vigo.
Por todo iso os sindicatos solicitan axuda e intervención ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria, a partidos políticos, aos concellos de Marín e Pontevedra e a outras institucións como Portos do Estado ou o Ministerio de Fomento para "paliar este continuo atentando e diminución nos dereitos laborais do persoal da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra na que os seus responsables non parecen estar polo labor".