O PP solicita a Carmela Silva o acceso ao expediente do curso no que se utilizaron textos atacando politicamente ao PP e loando ao PSOE
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, solicitou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, o acceso ao expediente e copia da totalidade dos exercicios do curso de actualización gramatical e ortográfica incluído no Plan Agrupado de Formación dirixido a traballadores da institución provincial e dos concellos adheridos ao plan, logo de saír á luz un texto no que se atacaba directamente ao Partido Popular mentres se loaba ao PSOE e a Pedro Sánchez.
A ollos dos populares este é "outro exemplo claro, no que Carmela Silva fai un uso partidista da Deputación e utiliza todas as ferramentas das que dispón desde a institución que dirixe como plataforma política de ataque contra calquera político do PP ou institución gobernada polo Partido Popular".
"Despois de 3 anos de goberno de Carmela Silva sabemos perfectamente que este texto non foi unha casualidade, non deixa de sorprendernos os niveis ao que chegan, ao intentar politizar e adoutrinar á cidadanía incluso desde os propios cursos que se imparten desde a Deputación, pero sorpréndenos que cheguen ata estes extremos", explica Ángel Moldes.
"Sospeitamos polos comentarios que xurdiron a raíz de coñecerse este exercicio que non é a primeira vez que ocorre un feito deste tipo neste e noutros cursos da Deputación, por iso pedimos á presidenta Carmela Silva que dea a cara dunha vez e deixe acceder ao Partido Popular a toda a documentación relativa ao curso e o material empregado".
Neste sentido indica que "pasaron 5 días desde que se destapou este asunto escandaloso e vergoñento e aínda non se sinalou a ningún responsable, pero non tardarían nin media hora en pedir responsabilidades se isto ocorrera nunha administración gobernada polo PP".
"É a dobre vara de medir do PSOE, e a dobre cara á que nos teñen acostumados, facer o contrario do que se di", asegura.
Con todo os populares consideran que "ten moito mérito o dobre papel que xoga Carmela Silva, tratando convencer por un lado aos veciños de que a Deputación é unha institución transparente e dialogante á vez que coarta a todo aquel que intente facerlle a mínima crítica ou aproveitar calquera ocasión para atacar politicamente a todo o que poida ter algún tipo de vinculación co Partido Popular".
O mesmo que "dicir sen poñerse colorada que acabou co uso partidista da Deputación de Pontevedra cando nunca antes se utilizara como plataforma política de ataque a ningún partido e moito menos chegando aos límites que chegou o PSOE", conclúe o voceiro provincial do PP.