Denuncian unha vintena de anuncios de venda ilegal de cans na provincia
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber denunciaron ante a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente nada menos que 20 ofrecementos de comercio irregular de animais na provincia de Pontevedra publicados nunha coñecida páxina da internet, que foron colocados na mesma durante as últimas vinte e catro horas, polo que instaron ás autoridades para poñer coto a este tipo de situacións.
A Lei 4/2017 de Benestar Animal de Galicia prohibe de forma inequívoca a venda de animais domésticos sen incluír o preceptivo número de rexistro do Reganuz, o Rexistro Galego de Núcleos Zoológicos, ademais de requirir o cumprimento dunha serie de apartados básicos sobre o estado das instalacións ou o trato que reciben os propios animais.
Os animalistas sinalaron este martes que estes preceptos incúmprense de forma sistemática grazas ás plataformas web que posibilitan anuncios de venda por só 40 euros, "con graves faltas de ortografía ou mesmo fomentan o cambio de cans por colares gps, amplamente empregados no mundo cinexético".
Como explican as organizacións non só se trata da carencia de garantías sanitarias e de normativa relativa ás persoas consumidoras, senón tamén dunha fraude crecente que no caso dos anuncios denunciados "supoñería un estraperlo de miles de euros en impostos que non se pagarán", desde o IVE, pasando polo IRPF ou o IAE ao que están obrigadas as empresas, como un centro de cría autorizado.
Estes colectivos lembran que as multas contempladas na normativa vixente transitan desde os 501 ata os 5.000 euros, coa posibilidade de que os vendedores ilegais poidan ser tamén sancionados coa inhabilitación para a tenencia de animais por un máximo de cinco anos, o que contribuiría a disuadir da compravenda a outros futuros incumplidores.
Neste sentido os defensores dos animais instaron á Xunta de Galicia a actuar con dureza fronte a unha problemática que deriva, en non poucas ocasións, en novos abandonos que acaba pagando o animal e o conxunto da cidadanía a través dun maior gasto público en servizos de recollida e acollida específicos, tal e como obriga a propia lei autonómica.