A Xunta investirá 50.000 euros na biblioteca municipal de Marín
Por Oskar Viéitez
A Xunta destinará un total de 50.000 euros á remodelación e dotación de equipamento da biblioteca municipal de Marín, segundo se recolle no convenio de colaboración que asinaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Ao abeiro deste convenio, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia asumirá o custe da remodelación do espazo interior desta infraestrutura así como a dotación de equipamento por un importe de 50.000 euros, sobre os 60.000 de custo total da obra.
Deste xeito, a colaboración institucional entre a consellería e o Concello de Marín permite garantir unhas infraestruturas de carácter sociocultural en condicións óptimas ao servicio da cidadanía e, de forma xeral, asegurar o acceso á cultura en igualdade de condicións para todos.