Dúas promotoras proxectan 66 novas vivendas entre Joaquín Costa e Doce de novembro
Por Alejandro Espiño
O sector da construción móvese en Pontevedra. Tras desbloquearse a situación dos antigos terreos de Tafisa, onde dúas promotoras impulsan 272 vivendas, outra das grandes bolsas de chan residencial acollerá moi pronto as súas primeiras promocións.
Trátase da denominada unidade de actuación 18, delimitada entre as rúas Eduardo Pondal, Doce de novembro e Joaquín Costa. O Concello de Pontevedra concedeu as primeiras dúas licenzas para senllos edificios de nova construción, que contarán con 66 vivendas.
A Inmobiliaria Uruguay é a responsable dunha destas dúas promocións, que terá un total de 40 vivendas; mentres que o segundo proxecto está integrado por 26 vivendas e está impulsado por Florida Galicia. Os dous terán seis plantas e baixo.
Ambos os edificios estarán situados na parcela que linda, facendo esquina, co Doce de novembro e Joaquín Costa -á beira da rotonda da pasarela- e a súa fachada estará situada cara Joaquín Costa, segundo consta no proxecto presentado no concello.
Esta nova promoción inmobiliaria demostra, segundo destacou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que o sector da construción "está a recuperarse" en Pontevedra aínda que "non como nos vellos tempos", senón dunha maneira máis racional.
Ás promocións de Tafisa ou esta unidade de actuación, o goberno engade os proxectos que se impulsan entre Josefina Arruti e a Avenida de Vigo, o que se construirá preto dos xulgados da Parda ou a rehabilitación da antiga comandancia da Garda Civil.
"Non dá a impresión que sexa flor dun día", sinalou González, que asegurou que para o municipio esta tendencia é "positiva".
Relacionadas:
-
Encargan o proxecto para acondicionar a nova pasarela de 12 de Novembro
Por Alejandro Espiño |
-
As promocións inmobiliarias de Tafisa, en marcha coa primeira licenza
Por Redacción |
-
Unha segunda promotora proxecta outras 92 vivendas nos terreos da antiga Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Dúas promotoras impulsan a construción de 200 vivendas nos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño |