Viascón celebra as festas de Santiago e o Santísimo coa actuación estrela de Pili Pampín
Por Redacción
A parroquia cotobadesa de Viascón vai celebrar esta semana as súas festas de Santiago e o Santísimo coa actuación estrela da coñecida cantante galega Pili Pampín e con varios actos relixiosos na programación, que foi presentada polo alcalde en funcións, Fernando Vázquez, e membros da comisión organizadora.
As festas arrancarán o martes 24 de xullo, cunha gran verbena que comezará ás 22.30 horas e que contará coa participación da orquestra Superfama e de Pili Pampín, que interpretará os seus temas máis coñecidos.
Xa na xornada festiva do mércores 25, os actos comezarán cun pasarrúas pola parroquia a cargo de charanga Charandonga de Tenorio, que dará paso, desde as 13.00 horas, á tradicional e multitudinaria misa. Tras este oficio terá lugar a procesión e posteriormente unha sesión vermú amenizada pola citada charanga.
Finalmente, e tras uns días de paréntese, o domingo 29 a parroquia de Viascón honrará, no marco destas festas, ao Santísimo. Sobre o mediodía farán a súa entrada no pobo e no adro da igrexa as gaitas de Os Abrentes de Cerderdo e a continuación, sobre as 13.00 horas, oficiarase a misa rezada con procesión e sesión vermú a cargo desta formación.
Na presentación, os membros da comisión organizadora quixeron agradecer a colaboración da veciñanza, das empresas e dos colaboradores para que estas festas puidesen saír adiante, mentres que Fernando Vázquez destacou o seu traballo e quixo convidar a veciños e visitantes a gozar desta xornada festiva nestas importantes celebracións.
A parroquia de Viascón volverá a ter festas en apenas un mes, xa que a finais de agosto está previsto que se celebren na honra de San Antón e a Virxe de Lourdes.