O Sergas quere que os doentes aprendan a cuidarse sos
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés fomenta os "autocuidados" na conmemoración da xornada internacional desta iniciativa para a promoción e protección da propia saúde, que se celebra o martes 24 de xullo.
Segundo sinalan as profesionais de Enfermaría de Atención Primaria, Carmen Abeledo Márquez e Mar Touceda Martínez, as decisións ou accións que cada individuo realiza en beneficio da súa propia saúde son a mellor aposta de calidade pola promoción e a protección vital.
Aportan empoderamento individual aos pacientes, apostando por hábitos saudables coma unha alimentación equilibrada, a práctica diaria de exercicio moderado, evitar o consumo de tabaco e alcohol, o control do estrés e o fomento continuado de pensamentos positivos.
"Ninguén vai coidar mellor de un mesmo ca un mesmo. Tan só temos que decidir firmemente ser protagonistas da nosa propia saúde, porque é un requisito básico para que todo o demais na vida funcione. Esta aposta propia é un seguro gratuíto de saúde, o único custo é o tempo que se lle adica a esta labor", sinalan ambas profesionais de Atención Primaria.