R prepara o despregue da súa rede de fibra ao fogar en Ponte Caldelas
Por Redacción
A compañía R adiantou ao Concello o seu interese por comezar a operar en Ponte Caldelas entre finais deste ano e comezos do próximo.
Nunha xuntanza celebrada co alcalde, Andrés Díaz, o seu responsable de rede, Cipriano Reino, indicou que os proxectos técnicos están listos e só pendentes dos permisos administrativos.
A empresa, que comezará a ofrecer servizos integrados de banda larga para telefonía, datos e televisión, aposta pola tecnoloxía de fibra ata o fogar, con velocidade de ata 350 megas ao segundo, aproveitando o financiamento do Plan Avanza do Goberno de España para o período 2017-2020. É unha oportunidade que están aproveitando para chegar ata 176 novos núcleos de poboación en toda Galicia.
A distribución dos servizos de R ata Ponte Caldelas non é sinxela, explicou Reino, pois require do tendido de fibra óptica dende os polígonos do Campiño e A Reigosa, onde xa están instalados. Para elo instalarán fibra baixo as beiravías da estrada autonómica PO-532, cubrindo unha distancia dunha ducia de quilómetros. A autorización necesaria xa está solicitada diante da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia dende o pasado mes de febreiro.
Nos próximos días presentarán tamén a solicitude de licenza de obras ao Concello de Ponte Caldelas para instalar o cabo de fibra polas rúas do centro urbano. O Concello deberá, á súa vez pedir os permisos sectoriais necesarios, entre eles o de Augas de Galicia.
Os plans de R pasan por aproveitar parcialmente tendidos xa existentes de iluminación pública e outras infraestruturas para minimizar o custo do despregue.