Tráfico multou este ano a 58 ciclistas que circulaban sen casco
Por Oskar Viéitez
A Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra informou de que durante o primeiro semestre deste ano formuláronse un total de 58 multas por circular sen casco e 19 por facelo con auriculares.
Non usar debidamente o casco homologado cando os ciclistas circulen por vías interurbanas, do mesmo xeito que os seus pasaxeiros (nenos menores de sete anos que viaxen sentados nunha cadeira igualmente homologada) supón unha falta sancionable con 200 euros.
Circular con auriculares supoñerá unha sanción de 190 euros e ir en bicicleta utilizando o teléfono móbil xa sexa con ou sen auriculares leva o pago dunha multa de 200 euros.
Na provincia de Pontevedra, entre xaneiro e xuño deste 2018, a Garda Civil cursou 12 denuncias contra usuarios de bicicletas por circular tras consumir drogas e 9 por ir baixo os efectos do alcol.
A máxima de alcol permitida aos ciclistas é de 0,25 mg/l., igual que para os automobilistas. Tamén as sancións económicas son as mesmas que se impoñen a condutores coa diferenza de que o ciclista non perderá puntos do seu carné de conducir.