O PP denuncia impagos aos monitores das Escolas Deportivas de Poio
Por Redacción
O PP de Poio denunciou este venres que o goberno local ten impagos de varias mensualidades a monitores das escolas deportivas do municipio e, tras ter coñecemento do que asegura que está a suceder, anuncia que pedirá explicacións e responsabilidades.
O voceiro do PP de Poio para deportes, Tucho Muiños, asegura que estas denuncias son "unha constante en Poio", e que con frecuencia o goberno local "acumula débedas de subvencións e axudas a clubes e deportistas individuais".
Ao respecto, indica que con frecuencia eses impagos son dun ano para outro e considera que o feito de que estea a suceder isto é "unha falta de seriedade imperdonable" por parte do goberno bipartito BNG-PSOE.
Muíños acusa á concelleira de Deportes, Marga Caldas, de "falta de compromiso" co tecido deportivo de Poio, xa que mentres o seu departamento "gasta miles de euros en fotógrafos, vídeos e outras operacións de imaxe", os monitores e entrenadores das escolas deportivas pasan meses sen cobrar.
Ademais, lamenta que esta "falta de seriedade" que denuncia por parte do Concello ten consecuencias no deporte base do municipio.