Continúa sen éxito a busca do veciño de 81 anos que desapareceu en Verducido
Por Anxo Lourido
Os efectivos da Policía Nacional con medios aéreos como o helicóptero condor e a colaboración de todos os Corpos de Seguridade, Protección civil, familia, veciños e voluntarios que se sumaron ao operativo levan xa máis de 24 horas continuadas, sen descanso nocturno, tratando de localizar o home pola zona do monte Acibal.
José Iglesias Fontán, veciño de Verducido de 81 anos, e coñecido na zona como "Piñón" saíu na tarde do venres como sempre facía para percorrer o monte. Pero onte non regresou á casa. "ÿ un home que anda seguido. Gústalle moito andar" di un amigo da infancia deste home que exerceu de carpinteiro durante anos en Suiza, en Alemaña e tamén na parroquia de Verducido. Andando vírono arredor das sete da tarde nas proximidades do Pontillón do Castro coa cabeza baixa. Algunhas testemuñas sitúano preto dos Miragres de Amil arredor das nove da noite. O certo é que a súa nora afirma que sobre esa hora normalmente xa está na casa. Este venres non apareceu. Asustados ante a súa ausencia, o seu fillo, a nora e algúns veciños comezaron a buscalo sobre as 22:30 horas e cando comprobaron que non había rastro, ás dúas da madrugada, alertaron a Policía.
Durante este sábado, efectivos da Policía Nacional e un helicóptero comezou a percorrer toda a zona de Verducido e en especial os lugares que adoita percorrer José Iglesias. Xunto a eles, membros da Policía autonómica e de Protección civil de Pontevedra tamén despregaron os seus efectivos sen resultado. Mesmo os bombeiros cunha zodiac percorreron o Pontillón por se podería haber caido á auga.
Segundo algúns veciños, José Iglesias comezaba a mostrar, nos últimos tempos, algúns síntomas da enfermidade de alzheimer e de demencia senil. Os familiares cren que puido desorientarse polas pistas dalgún dos montes de Verducido. A nora indicáballe á Policía que "se berras non che contesta". O home non levaba teléfono móbil.
A familia distribuíu unha fotografía de José Iglesias para que calquera persoa que poida aportar algún dato sobre o seu paradoiro se poña en contacto coa Policía.