Toda a información xeográfica da provincia, nun só portal web
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra presentou este venres o xeoportal IDEPO, unha nova ferramenta web que pretende servir de base de datos da provincia.
"Vai a ser útil para as administracións, o tecido empresarial e tamén á cidadanía", explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, sobre un proxecto no que levan traballando tres anos.
www.ide.depo.gal achegará información sobre infraestruturas, estradas provinciais, servizos contra incendios e salvamento, patrimonio cultural, os límites territoriais ou a evolución demográfica da provincia, entre outros asuntos.
Ademais, a través dunha serie de visores de recollida na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) poderanse consultar asuntos como a situación das redes de saneamento e abastecemento.
Na presentación desta ferramenta explicouse que estará a disposición de todos os concellos da provincia para que poidan engadir máis información xeográfica que vaia completando os servizos dispoñibles.
A intención da administración provincial é ofrecer en setembro unhas xornadas de formación e información para que os concellos poidan coñecer en profundidade o xeoportal e así poder aproveitar todo o seu potencial.