Cerdedo-Cotobade reparará a próxima semana avarías no alumeado eléctrico e a rede de telefonía en Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade reparará os danos e avarías que afectan ao alumeado público e a liña de telefonía e de Internet de distintos puntos da parroquia de Tenorio desde hai dous meses e 15 días, respectivamente.
Unha vez que se concretaron as avarías e se realizaron as xestións e contratacións correspondentes para o seu arranxo, ambas actuacións acometeranse durante a vindeira semana para que os veciños destes dous lugares recuperen ambos servizos. En Traslamós hai problemas co alumeado e en Parada de Tenorio coa rede de telefonía.
O problema telefónico e de acceso a Internet sufríase en Parada de Tenorio desde hai quince días e está en vías de solución despois de que se fixeran as correspondentes xestións coa compañía telefónica. Esta avaría puido deberse a un corte fortuíto do cableado durante as obras de mellora viaria acometidas nos últimos meses. A previsión apunta a que tamén quedará solucionada na vindeira semana.
O presidente municipal en funcións, Fernando Vázquez, explicou que en Traslamós o Concello comezou a recibir queixas polo mal funcionamento do alumeado público, posiblemente derivado da falla de potencia, hai cousa de dous meses. Xusto nese momento se estaba a ultimar a contratación do servizo municipal de mantemento eléctrico, adxudicado finalmente á empresa Elecnor.
A coincidencia, "desafortunada neste caso", segundo Vázquez, motivou que houbera que pechar a contratación do servizo e posteriormente determinar se a reparación de Traslamós entraba neste contrato. Finalmente esta reparación tivo que ser contratada fóra do servizo de mantemento.