As Festas do Ecce Homo de Cerdedo marcan o inicio do Verán Cultural 2018
Por Redacción
Dous concertos de Treixadura e A Roda, dentro das Festas do Ecce Homo de Cerdedo, servirán como punto de inicio para o Verán Cultural 2018, a programación que pon en marcha o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Así, está previsto que Treixadura actúe este domingo 22 de xullo, desde as 22.30 horas na praza municipal de Cerdedo con entrada gratuíta, mentres que o concerto de A Roda será o martes 24 de xullo á mesma hora no mesmo emprazamento e tamén con entrada de balde.
Estas dúas actuacións, enmarcadas no Verán Cultural 2018, serán os dous primeiros espectáculos das festas patronais do Ecce Homo, que posteriormente continuarán na seguinte fin de semana cunha completa programación entre os días 27 e 29.
O Verán Cultural tamén incluirá a peza teatral O cego dos monifates o martes 24 ás 19.30 horas na Praza da Igrexa de Cerdedo e a Festa do Neno na xornada festiva do mércores 25 de xullo na praia fluvial desde as 16.30 horas.
Haberá un parque de lecer con inchables, xogos de auga e tradicionais, circuítos de bicicleta e patinetes, kaiak, obradoiros, festa da escuma, mini discoteca e sorteo de agasallos.
O xoves 26 celebrarase a Festa da Bicicleta, que partirá ás 19.00 horas do cruce de Loureiro e percorrerá Tomonde, A Barbeira, Piñeiro, Tresaldeas, Os Castros, Outeiro, Fondós, Bugarín e Serrapio ata chegar á praia fluvial, onde se sortearán agasallos e unha bicicleta entre todos os participantes.
Finalmente, o venres 27 o Centro Cultural de Cerdedo acollerá ás 20.00 horas a peza teatral Os fabulosos Cleaners, de Malasombra Producións.
Deste xeito, o Verán Cultural 2018 desenvolverase de inicio no territorio de Cerdedo durante o que resta do mes de xullo coincidindo principalmente coas Festas do Ecce Homo e a continuación, xa desde comezos de agosto, trasladarase á zona de Cotobade.