Estudan mobilizacións para lograr un convenio xusto para mil traballadores do sector de elaborados de produtos de mar
Por Redacción
O sindicato CC.OO. convocará asembleas de traballadores e concentracións nos centros de traballo das empresas afectadas polo convenio colectivo do sector de elaboración de produtos do mar no mes de setembro e advirte xa que, de non chegar a bo porto unhas negociacións que levan xa tempo enquistadas, haberá novas mobilizacións.
O sector ten un convenio propio desde o ano 2012, tras separarse do da conserva, pero leva desde entón sen unha actualización das condicións. O primeiro afectaba o período 2013-2014 e houbo un intento errado de negociación en 2016 no que chegou a asinarse un pre acordo para 2015-2016 que CC.OO. non ratificou. O pasado xaneiro volveu constituírse a mesa de negociación, pero sobre a mesa hai formulacións que este sindicato, de novo, non está disposto a subscribir.
A negociación do convenio afecta a ao redor de 1.200 traballadores en toda España, dos que 1.000 pertencen a empresas galegas, a práctica totalidade asentadas na provincia de Pontevedra, entre elas, algunhas con sede no porto de Marín, como Marfrío -que ten convenio propio-, Cabomar ou GPS (Galicia Processing Seafood).
O responsable de CC.OO. Industria de Galicia, Víctor Ledo; as traballadoras do sector Belén Coello e Carmela Villaverde; e o sindicalista de CC.OO. Pontevedra Avelino García compareceron este xoves en Pontevedra para explicar o estado actual dunha mesa de negociación na que este sindicato ten dúas representantes -Coello e Villaverde- e CIG e UXT un cada un.
A próxima reunión da mesa será o 24 de setembro e, antes, realizaranse esas asembleas e concentracións anunciadas para sentar as bases dunhas negociacións que CC.OO. considera que deben incluír dúas cuestións innegociables: a recuperación do poder adquisitivo dun sector precarizado e feminizado e que os 15 minutos de bocadillo que ten o persoal sexan considerados dentro do horario laboral de 8 horas.
Respecto diso, Víctor Ledo explica que non admitirán un convenio que non recolla que os traballadores cheguen a 14.000 euros brutos anuais de ingresos por 8 horas de traballo nin que siga considerando que eses 15 minutos de bocadillo non forma parte do horario laboral.