Ponte Caldelas pide incluír A Lama no plan de transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción
Ponte Caldelas está conforme co convenio de colaboración presentado pola Xunta de Galicia de cara a poñer en marcha o plan de transporte metropolitano de Pontevedra, pero ten varias peticións. A máis importante, que se inclúa neste plan tamén ao municipio da Lama.
O alcalde, Andrés Díaz, avanzou que o goberno municipal acepta facer a achega económica anual que lle corresponde, toda vez que o plan supón abaratar o prezo do billete aos usuarios habituais ata situalo por debaixo dun euro. Esta medida, sinala, contribuirá a mellorar a mobilidade de toda a zona centro da provincia.
Con todo, o rexedor insiste na necesidade de que a subárea de Ponte Caldelas, deseñada inicialmente só con Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, sexa reforzada coa entrada do concello de A Lama, sen prexuízo de que se inclúan tamén outros municipios limítrofes.
O alcalde subliñou que Ponte Caldelas é referencia comercial e de servizos para gran parte da veciñanza das poboacións próximas, polo que abaratar o billete e mellorar as frecuencias actuais son medidas moi acertadas.
En canto ás conexións con Pontevedra, cabeceira do plan de transporte metropolitano, o alcalde destacou que a prioridade dende a óptica de Ponte Caldelas pasa por optimizar os enlaces co Hospital Montecelo e co Centro de Especialidades da Casa do Mar.
Destacou que mellorar as liñas a Pontevedra sería ineficaz se logo non hai conectividade eficiente e integrada con Montecelo e a Casa do Mar, destino dunha parte importante da poboación que se despraza á capital da provincia.
Tamén ve necesario un esforzo de coordinación entre as frecuencias e os horarios de entrada e saída dos centros de ensino, fundamentalmente de Secundaria, pois hai rapaces que cursan estudos en Pontevedra.
O Concello de Ponte Caldelas queda á espera de que as negociacións da Xunta coa ducia de concellos integrados na área metropolitana de Pontevedra dean froitos e este plan poida ser unha realidade, como xa o é noutras áreas galegas, antes da reestruturación completa da rede de transporte galega, prevista, de acordo coa normativa europea, para o ano 2019.
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez advirte que sen Pontevedra o plan de transporte metropolitano "non ten sentido"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O alcalde da Lama considera un erro imperdoable quedar fóra do plan de transporte metropolitano
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP esixe a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |
-
Feijóo asegura estar convencido de que haberá transporte metropolitano en Pontevedra
Por Redacción |