A Fundación Secretariado Xitano clausura en Pontevedra unha iniciativa de formación e emprego
Por Redacción
A Fundación Secretariado Xitano clausurou este xoves en Pontevedra o Proxecto "Aprender Traballando", unha nova iniciativa de formación e emprego que ten por obxectivo a inclusión no mercado laboral de mozos de entre 18 e 30 anos.
"Aprender Traballando" é unha iniciativa da Fundación Secretariado Xitano e Cruz Vermella Española que se desenvolve no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (FSE) e conta coa colaboración da Obra Social "La Caixa". No ano 2018, a fundación desenvolve 29 proxectos "Aprender Traballando" nas diferentes comunidades, concretamente en Galicia nas cidades de A Coruña, Vigo e Pontevedra.
En Pontevedra, durante seis meses os mozos melloraron a súa formación en competencias matemáticas, lingüísticas, novas tecnoloxías e competencias profesionais que Iles axudarán a enfrontarse con máis éxito a un posto de traballo.
Pero ademais, participaron nun itinerario formativo amplo que Iles permitiu aprender a desempeñar distintas ocupacións dentro de cada empresa: chacinaría, carnicería, panadaría, froitería, peixería ou caixa/reposición en Carrefour e o Grupo Vegalsa- Eroski.
"Quixemos formar a futuros empregados, capaces de desenvolverse en diferentes postos de traballo dentro do mesmo sector laboral", destacaron os organizadores.
As claves desta iniciativa son a combinación de formación teórica con prácticas nunha contorna laboral real.
"O balance foi moi positivo e demostra que cando se aposta pola inserción laboral, desde o compromiso, a profesionalidade e a valentía, conséguense resultados", dixo Eva Vera, directora territorial da fundación.
Este proxecto formativo, que ten por finalidade promover o acceso ao emprego e a inclusión social, en Pontevedra cerrouse con máis do 75% de contratación (10 contratados no sector de 13 titulados).