O Concello sobe a nómina de todos os funcionarios un 1,5%
Por Redacción
Os funcionarios do Concello de Pontevedra cobrarán na nómina do mes de xullo un ingreso extra. O goberno local acaba de aprobar a subida salarial do 1,5% que recollen os Orzamentos Xerais do Estado para 2018 e que se aplicará xa desde o mes de xaneiro, de modo que no seu soldo deste mes recibirán todos os atrasos acumulados.
A Xunta de Goberno aprobou esta semana o incremento salarial, que será dun 1,5% para todos os traballadores municipais, e tamén que todo o acumulado dos primeiros meses do ano o cobren o día 29 deste mes.
Segundo deu a coñecer o Concello este xoves, o equipo de goberno xa deu orde ao servizo de nóminas para o pago deste aumento, que suporá un total de 312.583,56 euros para as arcas municipais.
O goberno local defende que este incremento salarial é necesario para a recuperación do poder adquisitivo que os funcionarios en xeral e os traballadores da administración local de Pontevedra, en particular, perderon durante os últimos dez anos.
A subida será do 1,5% para garantir "o obrigado equilibrio entre o gasto de persoal e a responsabilidade da xestión equitativa e racional dos cartos de todos os pontevedreses".
Este incremento débese á entrada en vigor dos orzamentos xerais do Estado, que permiten ás administracións aplicar o acordo para a mellora do emprego público asinado o pasado mes de marzo entre Facenda e os sindicatos CC.OO, UXT e CSIF.