Os políticos únense para manifestarse coas cores dos afectados polas preferentes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A manifestación polas preferentes en Pontevedra conseguiu o que poucas conseguiron: unir a representantes de todos os partidos políticos tras unha mesma pancarta. Así representantes do Partido Popular, do BNG e do PSOE se sumaron á marcha que discorreu sen incidentes polo centro de Pontevedra ata chegar á Praza de España.
A mobilización estaba encabezada polo Alcalde de Pontevedra e os voceiros do PSOE e do PP, Antón Louro e Jacobo Moreira que non chegaron a poñerse a camiseta azul dos afectados polas preferentes en Marín e Pontevedra como si fixeron tanto Miguel Anxo Fernández Lores coma a alcaldesa de Marín, María Ramallo. O voceiro do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, indicou que dende o goberno local non nos chamaron para realizar o comunicado conxunto como nos prometeran pero estamos aquí porque o importante é apoiar os afectados".
Cerca de 3.000 persoas secundaron esta marcha na que participaron, entre outras, as plataformas de Poio, Arousa, Baixo Miño, Umia, Lugo, Vigo-Val Miñor, O Salnés, A Estrada, Ourense e Santiago. Un dos voceiros da plataforma de Marín-Pontevedra, David Rabuñal, destacaba a unidade dos políticos nesta cita e que manteñen a esperanza en que se poida encontrar unha solución rápida a este problema. O voceiro indicou que seguen chamando algúns afectados para a arbitraxe pero "sigue muy parado". Só en Pontevedra, 2.000 persoas agardan a ser chamadas para resolver a súa situación por esa vía.
Á manifestación tamén acudiu o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que reclamou a dimisión de Rajoy e de Núñez Feijóo por non se sentar cos afectados a negociar unha solución.
As bucinas e os tambores provocaron un estrondo continuo durante toda a marcha ata a chegada á Praza de España. Alí formouse un círculo con todas as plataformas participantes mentres dende un palco unha voceira agradecía a participación de todas as forzas políticas e do concello de Pontevedra por organizar este acto reivindicativo. E berrou: Vamos a loitar e a recuperar ou noso. Non ás quitas!!!
A continuación, o alcalde de Pontevedra dirixiuse aos manifestantes sinalando que "ás institucións teñen que estar defendendo os cidadáns nun exercicio da democracia máis profunda" e rematou a súa intervención cun "ánimo e adiante con esta loita tan xusta e tan importante para toda Galiza! Viva Galiza!
O acto rematou coa intervención doutra das voceiras da Plataforma Marín-Pontevedra, Rosana Prado, que lembrou que "seguiremos ata onde faga falta". E baixo o cántico de "Non vamos a parar ata os cartos recuperar" a concentración de manifestantes foi desaparecendo.