Detido tras causar importantes danos na iluminación pública de Poio
Por Redacción
Un home de 42 anos, veciño de Poio, foi detido como autor dun delito de roubo con forza e danos, tras provocar desfeitas na iluminación pública do municipio.
Segundo informou a Policía Local, o detido foi pillado in fraganti cortando a iluminación pública na avenida Domingo Fontán. Foi o pasado luns 16 de xullo, sobre as 16.40 horas.
O home atopábase tirando do cable dun farol para tentar extraelo. Previamente manipulara a caixa de fusibles e cortara o cable. Trátase, segundo a Policía, dunha práctica habitual de delincuentes que malvenden o cableado e producen desfeitas.
Os axentes atoparon unha serra coa que cortara o cable, polo que procedeu á súa detención. O individuo xa conta con numerosos antecedentes por feitos similares.
Na última semana producíronse dous roubos máis das mesmas características, un na rúa Illas Cíes e outro próximo ao Bao de Abaixo, onde roubaron cableado de iluminación pública.
A Policía Local mantén aberta unha investigación para localizar os posibles autores, analizando as probas e gravacións das que dispón.
Despois de realizar unha valoración por parte dos servizos técnicos e operarios do Concello, o custo da reposición de todo o cableado e da iluminación pública ascende a 2.700 euros.