Feridos cinco tripulantes dun catamarán de recreo que bateu contra o pantalán do porto do Grove
Por Oskar Viéitez
Cinco persoas que viaxaban a bordo do catamarán de recreo "Pelegrín Tres" resultaron feridas, con golpes e contusións despois de que a embarcación batese contra un pivote do pantalán do porto do Grove.
Os accidentados foron trasladados ao centro de saúde do Grove onde foron atendidos das súas feridas que tiñan carácter leve.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil o catamarán chocou coa proa. O suceso tivo lugar este mércores contra as sete da tarde.
Os axentes do instituto armado investigan as causas deste suceso que ocasionou danos de escasa contía á embarcación.
Desde a empresa Monroa SL que xestiona os Cruceiros Pelegrín apuntaron a un fallo eléctrico como causa de que o catamarán quedara sen goberno durante a manobra de atracada.