A Festa do Mar de Combarro incluirá un festival infantil
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Turismo do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez Blanco, informou sobre novas actuacións confirmadas dentro do programa da Festa do Mar de Combarro.
Esta XVIII edición, que abranguerá do 22 ao 26 de agosto, contará como novidade unha xornada musical e de espectáculos totalmente adicada ao público infantil e as familias.
O Festival Infantil Chalaniña, que se celebrará o mércores 22 de agosto na Praza de Chousa a partir das 19:30 horas, contará coas actuacións de recoñecidos grupos de musica infantil como "A Gramola Gominola" e "A Pequena e Grande Orquestra" e o espectáculo infantil "A Tropa do Doutor Milagre".
Co Festival Infantil Chalaniña dará comezo a primeira das cinco xornadas de música, espectáculos e concertos de balde na Praza de Chousa de Combarro que contará coas actuacións da cantante pop Amaia Montero o xoves 23 de agosto, o Festival Armadiña Rock as noites do venres e sábado, destacando as actuacións de Ses, La Pegatina ou Amparanoia entre outros, para rematar o domingo á noite coa orquestra La Fórmula.
Un ano máis, a Festa do Mar celebrará unha nova edición da Mostra da Canción Mariñeira no escenario habilitado na carpa gastronómica durante as noites do mércores, xoves e domingo, así mesmo, o folclore estará presente coas actuacións dos principais grupos do municipio.
Por último, e como ven sendo habitual dentro do programa da Festa do Mar de Combarro, durante a fin de semana terá lugar unha nova edición da Concentración de Embarcacións Tradicionais organizada polo Clube Mariño A Reiboa á que asistirán dornas, galeóns, bucetas e catraias procedentes das distintas asociacións e clubes de toda Galicia.