O PSOE pide habilitar en Pasarón locais administrativos para os clubs da cidade
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, ten comprobado que hai un importante déficit de locais administrativos para os clubs da cidade. Por este motivo ven de presentar unha proposta dirixida ao goberno local para que acondicione o espazo baixo a grada de Preferencia e habilitalo como oficinas para clubs da cidade.
Tino Fernández recorda que existe un espazo administrativo "en boas condicións", que foi desaloxado fai algún tempo pola Federación Galega de Fútbol. "Xa que o concello decidiu recepcionar o estadio, o lóxico é optimizar o seu uso", apunta.
Entre os clubs deportivos de Pontevedra hai unha gran demanda de locais para realizar as tarefas administrativas, arquivar documentación, manter reunións, e moitos clubs, debido as súas limitacións económicas, acaban tendo a sede no domicilio dalgún directivo.
"Para que os grandes eventos poidan celebrarse, é necesario coidar moito ao noso deporte local, en todas as súas variantes. Porque o fomento do deporte vai moito mais alá de recoller unha bandeira", indicou Tino Fernández
Na súa proposta, os socialistas instan ao alcalde a que dea as instruccións oportunas para executar as obras necesarias de acondicionamento do espazo que ocupaba a Federación Galega de Fútbol na grada de Preferencia de Pasarón, co obxecto de habilitar esa superficie para uso administrativo dos clubs deportivos da cidade.