Cinco semanas de tapas 'non-stop': chega o Sanxenxo Degusta Tapas
Por Alejandro Espiño
34 establecementos de hostalería participarán na IV edición do certame Sanxenxo Degusta Tapas, que organizan o Concello de Sanxenxo e Turismo de Sanxenxo. En total ofertarán, entre propostas creativas e tradicionais, 79 tapas diferentes. Trátase dun evento gastronómico que se celebrará entre o 17 de maio e o 23 de xuño e que "se ha consolidado de forma estable en estos cuatro años", segundo destacou Catalina González.
A alcaldesa destacou que Sanxenxo Degusta Tapas "es ya toda una referencia en el Sanxenxo previo a la temporada estival" e agradeceu a resposta "importante" que atoparon entre os hostaleiros do concello. E é que oito locais máis que o ano pasado apuntáronse a este certame e en total a oferta de tapas crece das 61 de 2012 ás 79 desta cuarta edición. O prezo mantense, dous euros por tapa, consumición non incluída.
Para o concurso tamén seguirá sendo o mesmo sistema de puntuación, segundo adiantou a xerente de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández. Haberá un xurado profesional que avaliará as propostas presentadas polos locais, pero os clientes tamén terán voz e voto, determinando aos gañadores populares. Repartiranse catro premios, nas categorías de "tapa tradicional" e "tapa creativa".
Os premios para os clientes serán mellores segundo o número de establecementos visitados. "Queremos premiar y fidelizar a los mejores clientes", explicou Romina Fernández. Con cada tapa ao cliente selaráselle a tarxeta do concurso. As 34 primeiras persoas que completen a ruta, degustando polo menos unha tapa de cada un dos locais, terán como premio seguro unha cea ou comida para dúas persoas nun dos restaurantes e bares participantes.
Coa metade, polo menos, dos selos, haberá estancias en hoteis de Lisboa, Oporto, Cantabria ou o propio Sanxenxo, así como viaxes en barco pola Ría. E con cinco selos, o mínimo para poder optar a estes premios, poderanse conseguir visitas guiadas a unha adega, viaxes en barco ata Ons, tratamentos de spa ou produtos de merchandising de Turismo de Sanxenxo.
Ademais, Sanxenxo Degusta Tapas porá a disposición toda a información do concurso, as rutas dos establecementos participantes, fotografías das tapas, prezos e horarios, na recentemente creada guía turística ePocketGuide e nos demais soportes dixitais utilizados habitualmente por Turismo de Sanxenxo.