Montecelo disporá de cinco novos equipos de anestesia
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde acaba de sacar a licitación a adquisición de 22 novos sistemas de anestesia destinados aos bloques cirúrxicos de varios hospitais públicos dependentes da rede sanitaria pública de Galicia, entre eles, o do Hospital Montecelo.
O investimento total para a adquisición destas máquinas de anestesia, financiada nun 80% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder 2014-2020, é de 958.320 euros.
Os novos sistemas de anestesia, dos cales proximamente disporá o bloque cirúrxico do Hospital Montecelo, son de moi altas prestacións e mellorarán as técnicas anestésicas, sobre todo en cirurxías de moi longa duración.
Inclúen tecnoloxía que permite reducir ao mínimo os axentes anestésicos subministrados ao paciente, incluíndo modos ventilatorios avanzados e técnicas automáticas de recuperación do doente postanestesia. Todas estas melloras redundarán na seguridade do paciente e na súa mellor e máis rápida recuperación, facilitando ademais o labor do profesional.
Outra das particularidades destas novas máquinas de anestesia, que serán adquiridas por obsolescencia tecnolóxica dos equipos actuais, é que son sistemas respectuosos co medio ambiente e incorporan ferramentas de xestión que axudan á redución de axente anestésico.