Moraña destina 135.000 euros para mellorar cinco rúas e varias pistas rurais
Por Redacción
Cinco rúas do casco urbano e varias pistas rurais das Teixugueiras e Conles, nas parroquias de Santa Xusta e Laxe respectivamente, serán os primeiros espazos que se axeitarán no marco do plan de mellora viaria que vén de poñer en marcha o Concello de Moraña.
O investimento inicial destas actuacións é de case 135.000 euros.
Este plan arrancou cos primeiros traballos nas Teixugueiras, onde se procedeu á limpeza de beiravías, á construción dun muro de contención e ao aproveitamento de sobreanchos para que esta vía acade unhas medidas de entre 4,20 e 5 metros segundo as zonas. Agora, só resta acometer o asfaltado deste camiño, que se atopaba principalmente en terra.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o tenente de alcalde, José Cela, achegáronse ata a zona para comprobar a evolución destas obras, que contan cun investimento de 30.530 euros para actuar nos 405 metros da vía e dun ramal lateral. Ademais, tamén se desprazaron ata Conles, que será o seguinte vial mellorado nun treito de 1.105 metros en dirección a Penagrande.
Nesta pista vanse dedicar 47.885 euros para acometer a limpeza de beiravías, o reasfaltado integral e o reforzo da ponte.
Finalmente, no casco urbano vai efectuarse unha actuación orzada en 55.829 euros para a mellora das rúas Doutor Batallán, 8 e 11 e da contorna do centro de saúde, que comprende as rúas 1 e 10.
Na primeira delas, de 313 metros de lonxitude, realizarase o fresado, afirmado, pintado, dotación de paso de peóns elevado e sinalización e alzado da cota das caixas de rexistro. Na rúa 8, de 156 metros, efectuarase a limpeza de cunetas, afirmado e reubicación dos rexistros, mentres que na 11 acometerase só o pintado nos seus 65 metros.
Pola súa banda, nas dúas rúas da contorna do centro de saúde, de 118 e 106 metros, realizarase o fresado, reasfaltado, pintado e alzado das caixas de servizos.
Luisa Piñeiro, que explicou que a obra das Teixugueiras acabará nuns días e que as outras dúas contan cun prazo máximo de dous meses, cre que o plan de mellora viaria previsto para este ano "atende ás principais necesidades desta área tanto na zona urbana coma nas parroquias" e avanzou que estas actuacións "son as primeiras dun cronograma establecido".