Unanimidade política para que "o lugar onde se imparte Xustiza" non teña un escudo franquista
Por Natalia Puga
Todos os grupos políticos presentes no Pleno da Corporación de Pontevedra celebrado este luns amosaron o seu apoio a solicitar a retirada efectiva, no menor tempo posible, do escudo franquista que existe actualmente na fachada da Audiencia Provincial da rúa Rosalía de Castro, "un despropósito histórico e democrático necesario de reparar".
O grupo municipal de Marea Pontevedra presentou unha moción aprobada cos votos a favor de BNG, PSOE e PP -a concelleira de Cidadáns non se atopaba no Pleno, pero manifestara tamén o seu apoio- pola que o Pleno do Concello, seguindo co seu compromiso de cumprir e contribuír a facer cumprir a Lei da Memoria Histórica, solicita a retirada efectiva, no menor tempo posible, deste símbolo da Ditadura da fachada dun edificio xudicial tan singular como é o Pazo de Xustiza.
Unha vez aprobada a moción, o Concello fará chegar o acordo plenario ao presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez; ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e á ministra de Xustiza do goberno de España, Dolores Delgado.
O voceiro de Marea, Luís Rei, destacou que ese escudo non debe continuar en ningún edificio da cidade, pero resulta especialmente grave que seiga "no lugar onde se imparte Xustiza" mentres que o concelleiro do PP, César Abal, insiste en que o Pleno xa debateu no ano 2014 unha moción pedindo a retirada de toda a simboloxía franquista e mesmo pedindo a realización dun informe sobre o particular.
O concelleiro de Memoria Histórica de Pontevedra, Luís Bará, firme defensor de todo tipo de medidas para a recuperación da memoria histórica democrática a todos os niveis, recordou que non se ten que pedir ningún informe para poder retirar un escudo que incumpre a Lei de Memoria Histórica, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.
O Pleno deste luns tamén aprobou por unanimidade unha moción do PP para a inmediata redacción dun proxecto de reforma para o Campo da Torre, no barrio de San Roque, que teña en conta as achegas dos veciños.
O debate desta moción non estivo exento de polémica, pois o concelleiro do BNG Demetrio Gómez Junquera criticou o proxecto para o barrio que deixara elaborado o anterior concelleiro de Urbanismo, o socialistas Antón Louro, e as críticas non foron ben recibidas polo actual grupo municipal do PSOE. O edil Iván Puentes lembrou aos nacionalistas que se o proxecto non lles gustaba tiveron tres anos para modificalo, de modo que "o problema de que non estea feita a reforma non é do PSOE", senón do actual goberno nacionalista, que non considerou que fora unha obra prioritaria.
Finalmente, optouse por aprobar unha moción coa aportación de que o proxecto se elaborará cun proceso de participación veciñal previo ao proxecto.
Unánime foi tamén o acordo plenario para aprobar unha moción do PSOE para promover un recoñecemento póstumo á labor de Juan Juega Puig mentres que non se aprobou, por ter os votos en contra do BNG outra proposta de Marea e Cidadáns para que o Concello faga públicas as sentenzas xudiciais que afectan á administración local.
No debate desta moción deixouse notar a presenza do Teatro Principal de traballadores da Policía Local de Pontevedra que reprochan ao goberno local falta de negociación do convenio e que ten unha sentenza contraria que non deu a coñecer sobre medidas que afectan a os policías municipais.
Relacionadas:
-
O BNG insiste no Congreso para retirar a simboloxía franquista da Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
O Goberno confirma que non hai procesos administrativos abertos contra o escudo franquista da Audiencia
Por Redacción |
-
En Marea pregunta ao Goberno cando fará efectiva a retirada do escudo franquista da Audiencia
Por Redacción |
-
Marea esixe a retirada do escudo franquista da porta da Audiencia de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |