A virxe do Carme achégase ao mar en Combarro
Por Redacción & Diego Torrado
Centos de persoas participaron este domingo nos actos en honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que se celebraron en toda a comarca.
Unha das localidades que estivo máis concorrida foi Combarro, onde se organizou a tradicional procesión marítima ata a illa de Tambo coa virxe a bordo dun dos barcos.
Xente do mar e veciños de Combarro reuníronse ás seis de tarde ao redor da igrexa de San Roque para acompañar á virxe a pé desde o templo ata o peirao da Canteira, pasando pola Chousa e as inmediacións do porto deportivo.
A procesión contou coa participación da banda de cometas e tambores O Cruceiro e o grupo de gaitas O Berberechiño, que seguían o paso da talla, portada aos ombreiros por varios mariñeiros da localidade.
Ao chegar ao porto, a patroa foi acomodada nunha embarcación maior, engalanada para a ocasión con bandeirolas e flores e á que se subiron tamén numerosos fieis, para emprender o seu camiño cara a Tambo xunto a un grupo de barcos e de botes, que fixeron soar as súas bucinas escoltala no seu percorrido.
Este paseo marítimo incluíu, como é habitual, o saúdo ao concello veciño de Marín e, preto do porto de Campelo realizouse unha parada para homenaxear ás vítimas do Nuevo Marcos, o último gran naufraxio que se produciu na ría de Pontevedra, moi preto do porto do Combarro.