Juan Veiga xa forma parte do rueiro de Bueu
Por Redacción
Practicante, ATS ou enfermeiro. Durante 44 anos da súa vida, Juan Veiga dedicouse á atención dos veciños de Bueu. Agora, a vila recordará para sempre a este profesional da saúde. Será cunha rúa que leva o seu nome nas inmediacións do centro de saúde do municipio.
A súa inauguración, que contou coa presenza do homenaxeado, celebrouse este sábado e nela Juan Veiga estivo acompañado das autoridades locais e de moitos veciños aos que atendeu durante toda a súa traxectoria profesional.
A rúa que se coñecerá a partir de agora como Don Juan Veiga Alfonso é a que circunda o centro de saúde de Bueu, entre a rúa A Pedra e a estrada PO-551, xa que se trata dun vial con certa vinculación por proximidade co lugar do traballo desenvolvido por el desde a inauguración deste centro ata a data da súa xubilación.
A homenaxe contou con diversas intervencións, así como a actuación de integrantes da Banda de Gaitas Manxadoira.
Juan Veiga xa fora nomeado recentemente fillo adoptivo da vila, recoñecemento co que quixo poñer en valor a súa desinteresada vocación de servizo, que foi máis alá do esperado no normal desempeño das súas funcións. Ademais da súa labor médica, tivo un importante papel na vida cultural e deportiva da vila.
A súa andaina na vila de Bueu comezou no ano 1973, cando chegou para facer unha substitución do practicante titular e, tras aprobar as oposicións, tomar posesión como enfermeiro titular de asistencia pública domiciliaria.
As limitacións do sistema daqueles anos fixeron que, ante a demanda de poboación, Juan Veiga establecese unha consulta propia que dera resposta ás necesidades sanitarias que non podían ser cubertas por un sistema sanitario precario. Nestes primeiros 16 anos dedicouse completamente a este traballo, polo que non colleu nin sequera vacacións.
Á parte do eido sanitario, Veiga implicouse na vida social e sempre se mostrou disposto a colaborar con calquera entidade que solicitaba a súa participación en calquera esfera social.
Tal é o caso do cargo que desempeñou no Clube de Remo Vila de Bueu, do que foi remeiro, patrón e presidente. Tamén formou parte do equipo de fútbol sala da Casa do Mar, composto por profesionais do eido sanitario, e ata foi profesor de música informal apoiando á rapazada inqueda da Banda do Río.