A Deputación presume de que o público é mellor que o privado, polo menos no seu departamento xurídico
Por Anxo Lourido
Os servizos xurídicos da Deputación Provincial levan 10 anos en funcionamento cuns notables resultados. Así presumía o vicepresidente da entidade, José Manuel Figueroa, do departamento que hai unha década creou o presidente provincial Rafael Louzán. Naquel momento decidía eliminar a externalización da actividade xurídica para integrala entre os servizos da institución co obxectivo de aforrar custos.
Esta decisión de converter o privado en público converteuse en todo un éxito. Segundo as palabras de Bernardo Sartier, xefe do servizo xurídico, "además del dinero que se ha evitado en el pago de letrados y procuradores, se lleva ahorrado más de 4,5 millones de euros por cantidades". De 451 preitos nos que interviñeron estes servizos en defensa da Deputación en 244 obtivéronse resultados favorables mentres que 80 os perderon. Os restantes foron arquivados ou os demandantes renunciaron. Sartier mostrábase moi satisfeito cos resultados e afirmaba que das últimas 20 sentenzas, só unha foi desfavorable.
As infraestruturas dependentes da Deputación son as protagonistas de máis xuízos. Bernardo Sartier sinalaba que se trata de 1.800 quilómetros de estradas e os preitos teñen como motivo dende a presenza de substancias deslizantes ou de animais salvaxes a litixios derivados da distancia de retranqueo.
O departamento xurídico que encabeza Sartier conta con outras catro persoas, dúas delas destinadas á vía administrativa. "Es un servicio modesto pero muy trabajador", asegurou o xefe do servizo.
PROGRAMA DE AXUDAS
Por outra parte, a Deputación vai destinar 2,2 millóns de euros ao financiamento dos servizos sociais básicos nos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes. E fináncianse os postos de traballo de ao redor de 400 persoas. A xunta de goberno aprobou o modelo de convenio que asinarán os concellos que decidan sumarse a este programa de axudas.