Rapaces de 8 a 14 anos participarán nun campamento tecnolóxico en Sanxenxo
Por Redacción
TecnoSanxenxo 2018. Así se denomina o campamento tecnolóxico de verán que se celebrará no pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo durante o próximo mes de agosto.
O seu principal obxectivo é achegar ás rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos ás tecnoloxías emerxentes, de xeito que se familiaricen e as engadan ao seu catálogo de habilidades.
O campamento, organizado pola asociación de veciños de Adina, será un espazo intensivo de traballo colaborativo e inmersivo, onde nenas e nenos aprenderán facendo os seus propios proxectos.
Na iniciativa tamén colaboran Taniwa, empresa que imparte os contidos do campamento e SalnésCampus, laboratorio aberto que ten como un dos seus obxectivos principais o fomento entre os máis novos das disciplinas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas.
As tecnoloxías escollidas para a práctica e desenvolvemento dixital no TecnoSanxenxo 2018 son a programación informática, na que se traballarán áreas como o pensamento computacional, algoritmia ou matemáticas; ou a impresión 3D, na que os rapaces aprenderán a deseñar, modelar e imprimir en plástico.
Tamén haberá actividades baseadas na robótica e na realidade virtual, segundo avanzan os seus organizadores.
O campamento organízase en catro quendas semanais que teñen un prezo de 75 euros. O horario será de 09:30 a 13:30 horas, con un máximo de 10 participantes por semana.