Prenden lume ás palmeiras do parque cuntiense da Horta do Cura
Por Redacción
O Concello de Cuntis vén de denunciar unha serie de actos vandálicos que se produciron na vila durante os últimos días. O máis grave tivo como afectadas as palmeiras do parque da Horta do Cura.
Segundo o goberno municipal, alguén prendeulles lume durante a pasada madrugada.
Un día antes, tamén roubaron a cesta dunha das randeeiras do parque infantil. Aínda que xa faltaba o xoves, non foi ata o venres cando algúns veciños preguntaron se fora retirada por parte do Concello por algún motivo, momento no cal se constatou o roubo.
Este tipo de actos, apuntan desde o goberno municipal, son mostra dunha total falta de respecto polas veciñas deste concello e os bens públicos.
A este respecto, avanzan que se abrirán as dilixencias oportunas.