O PP reclama a construción na cidade dunha piscina pública ao aire libre
Por Redacción
Un total de 188 piscinas ao aire libre, segundo o PP, existen na provincia de Pontevedra. Pero ningunha delas está na cidade do Lérez. De aí que os populares demanden ao goberno municipal a construción dunha piscina pública con carácter lúdico e recreativo.
Nunha moción que presentaron ao próximo pleno, o PP tratará de convencer á corporación da necesidade desta infraestrutura que permitiría, explican na súa argumentación, que os veciños que non dispoñan de medios de transporte para ir á praia ou dos medios económicos para matricularse nas sociedades que contan con piscina, poidan ter un servizo publico alternativo.
Os populares esixen ademais ao goberno do BNG que dita instalación cumpra coas condicións de accesibilidade oportunas para persoas con mobilidade reducida, que sexa próxima aos servizos básicos urbanos e que a súa localización permita o acceso ao maior número de veciños do rural posible.
O PP lembra que corresponde aos concellos a competencia para promover o deporte e as instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre, "pero o BNG Lores non asume con responsabilidade as obrigas que lle competen".
A execución desta instalación solicitada polo grupo popular deberá estar prevista, se se aproba esta moción, no orzamento municipal do vindeiro ano 2019.