O acceso peonil pedido polo PP no ámbito de Bombeiros xa está proxectado por Fomento
Por Alejandro Espiño
O itinerario peonil seguro que, entre a Comandancia da Garda Civil e a cidade de Pontevedra, o Partido Popular demandaba este xoves xa está contemplado no proxecto de remodelación do nó de Bombeiros e do acceso norte da autoestrada AP-9.
Así o sinalou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, que lembra que este proxecto "non é novo", senón que forma parte duns compromisos alcanzados hai máis de cinco anos coa entón ministra de Fomento, a popular Ana Pastor.
Os deputados do PP, segundo Mosquera, teñen un " descoñecemento profundo" dos proxectos en marcha en Pontevedra, porque lembrou que este proxecto ten unha consignación de 1 millón de euros nos orzamentos xerais do Estado, para avanzar na súa licitación este mesmo ano.
A necesidade deste acceso peonil "está resolta desde hai tempo", sinalou o edil do BNG, que detallou que o proxecto construtivo xa está terminado. O itinerario partirá do muro da Garda Civil e chegará ata a ponte das Correntes.
Esta será unha das cuestións que o Concello prevé analizar cos novos responsables do Goberno na provincia, aos que se lles solicitará unha entrevista para revisar os proxectos pendentes.