Ponte Caldelas destina 645.000 euros de fondos propios e un préstamo para novos investimentos
Por Redacción
Proxectos estratéxicos como o novo balneario ou obras para seguir mellorando o rural do municipio. É o destino dos 645.175 euros que mobilizará o Concello de Ponte Caldelas en varias operacións.
O goberno municipal, por unha banda, aprobou unha modificación de crédito por valor de 324.004 euros. Os cartos saen directamente dos remanentes existentes en caixa.
Están destinados fundamentalmente a infraestruturas no rural coas únicas excepcións das obras de reforma na rúa de Concepción Arenal e o redeseño da avenida de Vigo, todo iso con intención de acondicionar a contorna do balneario.
Ademais, o alcalde asinou o expediente que dá vía libre á contratación dun préstamo con entidades financeiras, solicitando varias ofertas. O importe deste crédito, que se subscribe con ánimo de seren amortizado xa a principios do ano próximo cos remanentes do exercicio corrente, é de 303.171,06 euros.
O Concello garante así a liquidez inmediata que necesita para acometer o cambio do céspede sintético de Chan da Barcia, a elaboración do anteproxecto e xestión do procedemento para a concesión da obra e explotación do novo balneario, así como a limpeza integral e acondicionamento previo de toda a finca de 7.700 metros cadrados.
A estas obras súmanse outras no rural, entre as que destaca a ampliación da Casa do Pobo de A Roca, que será dotada de cociña.