O PSOE propón que se habiliten en Pontevedra 'puntos violeta' contra as violencias machistas
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE de Pontevedra propón ao Concello que adopte medidas para intentar axudar a reducir as situacións de acoso, intimidación e agresión sexual das que son susceptibles de ser víctimas as mulleres, en tanto que se trata de violencias machistas, e que por norma xeral se multiplican cada vez que se producen aglomeracións de xente.
Unha das opcións propostas é que se habiliten 'Puntos Violetas' durante as festas da Peregrina e nos eventos multitudinarios que se produzan na cidade.
A concelleira Paloma Castro explica que os puntos violeta, que xa están a funcionar noutros concellos, son espazos pensados para que acudan a eles aquelas mulleres que se senten acosadas, intimidadas, discriminadas ou agredidas. Habitualmente articúlanse en colaboración coas asociacións feministas e coordinados coas forzas de seguridade e Protección Civil.
A socialista mantén que aprobar manifestos e mocións "está moi ben", pero a súa petición é que o Concello "manteña unha actitude máis activa e que se implique na loita contra as violencias machistas". Segundo engade, a mera visibilización dun punto violeta "fai que as mulleres poidan sentirse un pouco máis seguras".
Estas puntos violeta cumpren tamén unha labor de información e concienciación moi necesaria, pois Paloma Castro insiste que os tempos están mudando, pero aínda hai moito camiño por percorrer e o goberno local do BNG "debe implicarse na loita pola igualdade con algo máis que boas palabras".
"Non vale mirar os touros dende a barreira. Hai que actuar en todos os ámbitos", sostén a socialista, que fai referencia a cifras do Ministerio do Interior que recollen que cada 8 horas unha muller é violada é violada en España, datos "demoledores e inaceptables" de que máis de mil mulleres son violadas cada ano e moitas máis son obxecto de abusos, agresións ou intimidacións.