Unha motorista resulta ferida nun accidente na rotonda da ponte de Santiago
Por Redacción
Unha moza de 28 anos que circulaba pola rotonda da ponte de Santiago resultaba ferida ao sufrir un impacto cun vehículo ao redor das 07.40 horas deste venres.
Segundo informa a Policía Local de Pontevedra, a motorista viraba na glorieta polo carril interior coa intención de trasladarse en dirección á ponte do Burgo cando recibiu o impacto.
Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local e unha ambulancia que trasladou á vítima ata o Hospital Quirón Domínguez para atenderlle as feridas e realizarlle unha exploración médica. Inicialmente, o prognóstico era leve.